Este martes a nosa asamblea de traballo está especialmente adicada a
acoller e dar a benvida a persoas en risco de desafiuzamento, de
aluguer, precario ou hipoteca.
A asamblea é aberta e horizontal. Teremos tempo para falar das
situacións concretas nas que está cada quen, de poñer en común as nosas
experiencias e ver posibles vías de saída. A unión fai a forza. Falar do
que nos pasa a cada quen desafoga, descóbrenos que non hai misterio nin
culpabilidade na nosa situación, senón problemas xerais desta
sociedade, derivados do modelo de traballo, de vivenda, de economía. E ó
mesmo tempo, certo é que cada persoa é un mundo!
A nosa idea é adicar un martes ó mes a dar a benvida ás persoas que
chegan coas súas historias, ver de enfocar entre tod@s as vías de saída,
e facer o seguimento do que vaia pasando. Nestes anos fomos
intercambiando experiencias, relatos, identidades, e facendo camiño
sobre a base do apoio mutuo, o desexo de grandes cambios e o traballo
horizontal, feito paso a paso e desde as necesidades inmediatas e os
desexos máis tolos.
E as administracións? Non se sabe moito delas. Administran o silencio,
o baleiro, a culpabilidade, e agardan que a crise sexa nosa e non súa.
Vémonos o martes ás 19.30h, desta vez na Comuna (Vereda do Polvorín 35), o novo centro social de Monte Alto.
NIN CASAS SEN XENTE NIN XENTE SEN CASA!
No hay comentarios:
Publicar un comentario